Éxito de participación en #SilverBullet18, con máis dun cento de profesionais

O auditorio do CINC da Cidade da Cultura foi esta mañá un fervedoiro de ideas na procura das claves do éxito para a dirección de proxectos TI, baixo o criterio dunha axeitada xestión dos equipos humanos. Motivación, alto grao de satisfacción personal, capacidade de liderado, confianza ou recoñocemento do traballo ben feito son algúns dos factores visibilizados hoxe polos relatores de #SilverBullet18, o II Congreso de Proxectos TI, organizado polo CPETIG e a AMTEGA celebrado hoxe en Santiago.

Na inauguración, o presidente do CPETIG, Marcos Mata, falou do valor de “poñer en dúbida as cousas tal e como sempre as fixemos” e neste contexto, dixo agardar que o Congreso sirva “para que os relatores consigan precisamente iso, facernos poñer en dúbida o que fixemos sempre”. Pola súa banda, o director de Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Amtega, Adrián Lence, destacou na súa intervención a potencia do sector empresarial TIC en Galicia e o impulso dixital de Galicia por parte da Administración.

#SilverBullet18 achegou a mirada internacional a través da experiencia de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do best seller The Lean Project Management. No seu relatorio, describiu as vantaxes da PM2 Guide, nunha exposición de fondo contido técnico na que pasou revista á súa ampla experiencia neste eido.

O segundo relator, Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e entornos colaborativos, puxo de relevo a eficacia de ferramentas como Evernote ao obxecto de gardar, ordenar e estruturar de forma accesible todo o conxunto de experiencias e ideas acumuladas que, “debidamente organizadas son un tesouro”, explicou.

Santiago Cabaleiro, responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, desvelou no seu relatorio o “sistema de boas prácticas” que levou a esta empresa viguesa da que é directivo a ser nomeada Best Workplace 2017. Entre ese listado de boas prácticas, enumerou como primeiro factor unha boa remuneración, “porque o salario emocional non é suficiente”, argumentou. Complementariamente, horarios flexibles, conciliación familiar, teletraballo algún día á semana, favorecer as boas relacións personais, a transparencia, a cultura do feedback e o recoñecemento. A clave, resumíu, “é crear relacións de confianza no equipo”. Amais, o sistema posto en práctica con tanto éxito por Visual MS inclúe tamén o fomento do desenvolvemento persoal e profesional ou a rotación de postos de traballo cada cinco anos. Pero advertíu que montar este sistema de boas prácicas e obter resultados “é unha carreira de fondo”, que finalmente impacta na productividade e satisfacción dos equipos.

E foi no concepto de satisfacción no que incidíu tamén no seu relatorio Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). Na súa opinión, mentres o éxito no século XX medíase en termos de resultados económicos, no século XXI mídese en termos de satisfacción dos equipos. Considera que o traballo ten un gran impacto no nivel de satisfacción de cada persoa, se ben recoñece que pode resultar “transgresor soster que o traballo é unha fonte de felicidade, tendo en conta que levamos no ADN unha idea diametralmente oposta e que etimolóxicamente a palabra negocio significa a negación do ocio”. A clave, dixo, é “que cada persoa busque retos acordes ás súas capacidades, para evitar frustracións”.

#SilverBullet18 rematou cunha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, responsable de Content Factory en Netex Learning, na que se produciu un vivo debate do público sobre as cuestións máis candentes expostas nos relatorios.