Escolares galegos achéganse ao hardware no V Scratch Day, o 26 de outubro en Compostela

O sábado 26 de outubro terá lugar no hotel Los Abetos de Compostela o V Scratch Day, unha iniciativa do CPETIG coa colaboración da Amtega, dirixida a escolares de entre 7 e 15 anos que terán a oportunidade de aprender a programar co seu ordenador. Trátase  dunha sesión práctica, na que se mestura aprendizaxe e entretemento, e  na que a cativada debe asistir acompañada polos pais ou as nais, é dicir, un adulto con cada escolar, co propósito de que o coñecemento adquirido no Scratch Day poida ter continuidade no fogar.  A edición deste ano inclúe tamén un obradoiro dirixido ao profesorado.

Como novidade sobre anteriores edicións, os escolares participantes, que deben levar ordenador portátil, traballarán esta vez con elementos hardware, aprendendo a programar accións sinxelas destes elementos e presenciando demostracións prácticas dos mesmos.

O V Scratch Day ten como obxectivo difundir os valores da programación informática desde idades temperás no entorno da familia, de xeito que os escolares poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida, tendo en conta que a través da programación se incentiva a creatividade, o emprendemento e a cultura libre, e mellora a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.

Pero amais, o CPETIG pretende que esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero.

Asemade, o CPETIG concibe esta formación no contexto da familia por considerar decisiva a implicación dos pais e das nais, como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.

Máis información e inscricións en V Scratch Day 2019