O COLEXIO ORGANIZA O “SCRATCH DAY” PARA DIFUDIR OS VALORES DA PROGRAMACIÓN INFORMÁTICA ENTRE RAPACES, PAIS E O PROFESORADO

 

Diríxese fundamentalmente a rapaces e rapazas de entre 7 e 15 anos, que acompañados dun adulto, poderán compartir unha xornada aprendendo e gozando da informática con Scratch.

A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que os nenos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo colexio non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.

Ademais, de xeito parello, levarase a cabo tamén unha acción formativa en “Scratch” destinada ao profesorado. Esta actividade servirá como formación presencial dentro do programa Aprendo programando incluída no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentado polo CPETIG en asociación coa AMTEGA.

Obxectivos da xornada

O “Scratch Day”, que terá lugar no Salón de convencións do edificio CINC, na Cidade da Cultura de Galicia, ten como obxectivos xerais:

  • Eliminar mitos en relación á programación informática.
  • Introducir aos asistentes de forma lúdica e divertida no mundo da programación.
  • Coñecer a contorna de programación Scratch.
  • Aprender a desenvolver videoxogos coa ferramenta Scratch.
  • Concienciar da potencia da programación como medio de expresión das ideas propias e como medio de emprendemiento.
  • Descubrir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.

Axenda

Data: sábado, 10 de outubro de 2015

Lugar: Salón de convencións. Edificio CINC. Cidade da Cultura

Axenda:

  • 9.30 a 10.00 – Benvida
  • 10.00 a 10.30 – Presentación e demostracións
  • 10.30 a 13.30 – Taller de programación con Scratch (2 talleres en paralelo)
  • 13.30 a 14.00 – Presentación de proxectos
  • 14.00 a 15.00 – Aperitivo

Formadores

No “Scratch Day” contarase coa participación das asociacións «Programamos», que impartirá a formación a rapaces e pais, e «Código Octopus», que contribuirá á formación ao profesorado.

“Programamos” é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional.

“Código Octopus” é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta material para aprender a programar en “Scratch” en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de “S4A: Scratch for Arduino”. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.

Prazas esgotadas