A presenza feminina en Informática nas universidades españolas cae do 30% ao 12% en tres décadas

A evolución do acceso das mulleres aos estudos de Informática presenta unha  acusada tendencia á baixa no conxunto das universidades públicas españolas, cunha porcentaxe que leva tres décadas reducíndose de forma constante.

Do 30% de matrículas en Informática rexistrado nos anos 1985-1987 pasouse a un 12% no curso 2016-2017. Así o revela un recente informe de Juan Julián Merelo Guervos, catedrático do Departamento de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadoras da Universidade de Granada, publicado o pasado 11 de outubro, titulado Evolución de la matrícula femenina en el grado de Informática en universidades públicas españolas. Nel móstrase como foi decrecendo a presenza de mulleres nas carreiras informáticas do sistema universitario público durante os últimos 30 anos, en base aos datos oficiais de matriculación do Ministerio de Educación.

No estudo desglósase a presenza feminina en Informática no curso académico 2016-2017, con carácter comparativo por universidades. Aínda que non hai ningunha na que esta supoña máis dun 20% do total, sí hai notables diferencias. As cinco con maior porcentaxe son a Universidade da Rioxa (con case un 20% de mulleres), Universidade de León, Universidade de València, Universidade Pública de Navarra e Universidade de Alicante.

Entre as cinco cunha porcentaxe menor están a Universidade de Lleida –na que baixa ata apenas un 5%-, Universidade de Girona, Universidade de les Illes Balears, Universidade Autónoma de Barcelona e Universidade Politécnica de Catalunya.

As tres universidades galegas están na media nacional, cunha matriculación feminina que ronda o 12% na USC e na Universidade Vigo, lixeiramente superada na UDC.

 

Grafica

Esta infrarrepresentación de mulleres en Informática é especialmente chamativa nun contexto de altísima feminización da matrícula universitaria que, no caso de Galicia, supera o 60% nas tres universidades.

O autor do informe sostén que “para evitar a perda de presenza feminina nas aulas e na profesión informática fan falta políticas sostidas ao longo do tempo e unha aposta clara nese senso”.