OGSI, CPETIG, CPEIG e ACSUG traballan nun estudo sobre a situación profesional das enxeñarías en informática

783758_survey_results2.jpgA enquisa estudará a situación dos profesionais das tres titulacións de enxeñaría en informática (Enxeñaría Informática, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión) egresados das tres universidades galegas. Para iso contará tamén coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) en representación das universidades. Para obter un diagnóstico preciso a enquisa inclúe preguntas agrupadas en varios bloques temáticos nos que se recollen todos os aspectos relevantes que contribúan a analizar o perfil actual deste colectivo. O estudo incluirá, entre outros indicadores, a porcentaxe de enxeñeiros/as que está traballando dentro e fóra de Galiza, a súa distribución xeográfica, o tipo de traballo que están a desenvolver, o tipo de industria e sector que os empregan, as súas necesidades formativas, o grao de satisfacción persoal coa profesión ou as súas expectativas profesionais Os resultados finais do estudo serán publicados para a súa libre distribución na Rede. As persoas participantes na enquisa optarán a un sorteo de premios. O colectivo profesional dos enxeñeiros/as en informática, está especialmente ligado ao sector das TIC, constituíndo un activo fundamental na construcción da Sociedade da Información e na modernización de Galiza. Esta iniciativa está emarcada dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que pretende poñer en valor todo o potencial de innovación e investigación, definindo as directrices para que o noso país estea en disposición de absorber este conxunto de profesionais altamente cualificados.