O CPETIG pide aos candidatos á presidencia da Xunta a implicación do futuro goberno na regulación da Enxeñaría Informática

A misiva, asinada polo presidente do Cpetig, Marcos Mata, contén cinco propostas para mellorar o exercicio profesional ao servizo de Galicia e foi enviada hoxe aos candidatos do PPdeG, PSdeG, En Marea, BNG e Ciudadanos, ao obxecto de que sexan tidas en conta polo goberno resultante das eleccións do vindeiro  día 25 de setembro.

 

No documento, a entidade colexial resume en cinco puntos as reivindicacións profesionais que deben ser consideradas polo futuro Goberno de Galicia. En primeiro lugar, o Cpetig solicita o apoio e implicación da Xunta de Galicia na regulación da profesión para correxir con medidas urxentes as consecuencias do informe emitido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo no que se exclúe á Enxeñaría Informática do Recoñecemento de Cualificacións Profesionais, que sí teñen o resto de enxeñarías. Este trato discriminatorio xa desencadenou o pasado mes de xuño numerosas protestas e mobilizacións públicas do sector, tanto do alumnado como das entidades colexiais e organizacións profesionais de todo o país.

Na batería de propostas aos candidatos, o Cpetig inclúe asemade a creación do corpo  superior de Xestión en Enxeñaría Técnica en Informática da Xunta de Galicia, que xa existe noutras administracións, tendo como principal cometido a implantación da administración electrónica e os retos futuros en materia de automatización dos procedementos.

A aposta pola esixencia de persoal cualificado nas contratacións públicas, o uso de estándares libres na administración pública e a defensa da neutralidade da rede completan as demandas profesionais do Cpetig ao futuro executivo.

A neutralidade da rede, segundo se explica no documento remitido polo Cpetig aos candidatos, “ten que ser un dereito básico da cidadanía, sendo Internet a ferramenta máis democrática creada na historia da humanidade onde todas as persoas, en igualdade de condicións, poden acceder a información, produtos e servizos”. Baixo ese principio, o Cpetig vincula esta demanda co compromiso “claro e irrenunciable da profesión coa construción dunha sociedade da información centrada na persoa, inclusiva, onde calquera poda crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento, para permitir a persoas, comunidades e pobos alcanzar o seu pleno potencial e desenvolvemento”.