O CPETIG colabora coa UDC na certificación da experiencia profesional

Deste xeito, a Universidade recoñecerá en forma de créditos computables para obter o título oficial a experiencia profesional dos seus alumnos que teñen o certificado expedido polo Colexio sempre que a experiencia se relacione coas competencias inherentes aos títulos universitarios.

O Colexio expedirá os certificados para os alumnos das titulacións que se imparten na Facultade de Informática da Coruña que así o soliciten. O número de créditos que se poderán recoñecer por acreditar experiencia laboral e profesional será o establecido nos plans de estudo correspondentes. O CEPRAL é un servizo de Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais.

 

O presidente do CPETIG, Marcos Mata, explicou no acto, celebrado na Reitoría,que este servizo “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter unha certificación da súa experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática. Cun único documento os profesionais poden acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna, co respaldo dunha institución coma o CPETIG.

Os certificados que emite o CPETIG a través do servizo CEPRAL baséanse en perfís profesionais. Nestes momentos están definidos e habilitados 13 perfís profesionais que van dende administrador de bases de datos, xestor de proxectos a programador de software para dispositivos móbiles.