O CPETIG asina un convenio coa Universidade de Vigo para o recoñecemento académico da experiencia profesional certificada polo CEPRAL

  • O servizo CEPRAL foi implantado en maio polo CPETIG para o recoñecemento da experiencia laboral na área da enxeñaría técnica informática.
  • Os certificados CEPRAL poderán validarse por créditos na Universidade de Vigo.

O acto de sinatura tivo lugar no Salón de Graos da Escola Superior de Enxeñería Informática (ESEI) do Campus de Ourense, entre Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Marcos Mata Mansilla, presidente do CPETIG. Grazas ao convenio, os estudantes da UVIGO que conten cun certificado CEPRAL poderán convalidar esa experiencia por créditos para as titulacións de informática.

A Universidade de Vigo convértese tras esta firma na primeira Universidade de Galicia en aceptar estes certificados, tras a sinatura do acordo coa  Universidade Oberta de Cataluña o pasado outubro.

O CEPRAL é un servizo de Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais. O presidente do CPETIG, Marcos Mata, explicou aos asistentes que este servizo “xurdiu para posibilitar aos profesionais obter una certificación da súa experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática». Cun único documento os  profesionais poden acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna, co respaldo dunha institución coma o CPETIG.

Ademais do beneficio académico, os certificados CEPRAL facilitan aos técnicos da enxeñería informática a acreditación dos seus coñecementos e capacidades ante as empresas, de cara a afrontar un proceso de selección, ofrecéndolles un sistema de medición obxectivo.

En cumprimento da súa misión de estruturar a profesión, o Colexio desexa que estas certificacións sexan de proveito, laboral ou académico, para os profesionais informáticos que teñan suficiente experiencia demostrable.

Os certificados que emite o CPETIG a través do servizo CEPRAL baséanse en perfís profesionais. Nestes momentos están definidos e habilitados 10 perfís profesionais como administrador de bases de datos, xestor de proxectos ou administrador de redes. O Comité CEPRAL, integrado actualmente polos Colexios de Cataluña e Galicia, traballa na definición de novos perfís como desenvolvemento para dispositivos móbiles ou análise informático forense.

Para obter a certificación os profesionais teñen que enviar toda a documentación relativa á experiencia que queren acreditar para que esta sexa ponderada por un comité de expertos. Poden realizar a solicitude a través da web do sistema CEPRAL do CPETIG http://cpetig.cepral.net/.