O CPETIG e a AMTEGA colaboran na organización de actividades formativas

 

III Xornadas de informática xudicial e delitos informáticos
Con estas xornadas, que se celebrarán por terceira vez en Galicia, os profesionais do ámbito xudicial e xurídico de Galicia poderán asistir a relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación der casos concretos.

Tal e como ven ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

As xornadas están a consolidarse como un punto de encontro periódico que permita reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais e peritos).

Análise forense
O convenio prevé tamén a celebración dun curso de peritaxe para formar aos actuais e futuros enxeñeiros técnicos en informática nas últimas técnicas de análise forense e práctica pericial e informalos sobre a última normativa legal relacionada co campo da informática.

O obxectivo do curso é que os asistentes coñezan as diferentes técnicas específicas da análise forense dixital para poder actuar como peritos en casos concretos.

Uso seguro das redes sociais e taller de emprendemento
As actividades formativas do CPETIG non se restrinxen só aos profesionais por iso, no marco do convenio, está previsto un ciclo de 7 xornadas nas grandes cidades galegas sobre “Os menores e o uso seguro das redes sociais”. Están dirixidas a pais, nais e titores para informalos do bo uso que se pode facer de internet e das redes sociais coñecendo de antemán as posibles ameazas, como previlas e as ferramentas coas que contan para facelo.

A cuarta actuación do acordo consiste nun taller de emprendemento dirixido aos profesionais que desexen realizar actividades por conta propia. Os participantes recibirán información sobre os trámites, xestións e actuacións para cumprir as esixencias mercantís, fiscais, laborais, de protección de datos, de ordenamento municipal e os aspectos de financiamento básicos para inicias a súa actividade.