A Amtega e o CPETIG colaboran na celebración da IV Xornada de informática Xudicial e na difusión das TIC no ámbito da xustiza

O acordo posibilitará a celebración da IV edición da Xornada de Informática Xudicial, que está a consolidarse como un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial.

Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos. Estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

Seminarios sobre eAdministración

O convenio prevé tamén a celebración de dous seminarios sobre protección de datos e e-administración para informar sobre os aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da administración electrónica xudicial, así como dos beneficios da incorporación e o uso das novas tecnoloxías nos procesos xudiciais.

O CPETIG tamén organizará un obradoiro sobre programación para nenos, con software libre, como un xeito de incorporar aos máis novos á programación informática, con ferramentas específicas para a formación sobre programación para nenos.

Promoción das TIC

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo. Estas acción enmárcanse dentro das actividades do CPETIG para a implantación da sociedade da información e das tecnoloxías  da información (TIC) en todos os eidos da actividade económica, social e administrativa de Galicia.