· A actividade chega ao ecuador do seu desenvolvemento cun total de 14 talleres executados durante o mes de xullo
· Está liderada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025.- Fisterra foi sede hoxe da celebración dos obradoiros Girl Steam 2025 cos que se chega ao ecuador da actividade cun total de 14 talleres executados no mes de xullo.
O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lideran este novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos, que continuará durante o mes de agosto e a primeira semana de setembro.
Ata a actualidade están executados no mes de xullo 14 talleres, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT dos concellos de Galicia. Este novo ciclo de obradoiros deu comezo a principios do mes de xullo no Concello de Leiro.
Cada concello conta con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 9-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-16 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Contidos dos obradoiros
Nos obradoiros achégase ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenden a identificar as súas principais funcións e programan con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.
