A discriminación aos titulados en Enxeñaría Técnica ou Grao en Informática chega incluso no apartado de puntos obtidos por formación, onde a posesión deste título non supón valoración adicional, cando sí a asistencia cursos. É dicir, obterá máis puntuación neste proceso do grupo A2 un titulado de calquera materia que teña realizado, por exemplo, un curso de ofimática, que unha persoa titulada en Enxeñaría Técnica en Informática.
Este clamoroso perxuízo ao colectivo de profesionais da Informática está amparado na Lei 2/2015 de Emprego Público de Galicia, unha circunstancia agravada pola exclusión da titulación de Informática do Recoñecemento de Cualificacións Profesionais do Ministerio de Industria, quedando polo tanto á marxe da regulación profesional. Esta situación discriminatoria produciu un fondo malestar no sector, que desencadeou en xuño do pasado ano numerosas protestas, manifestacións e mobilizacións públicas, tanto do alumnado como das entidades colexiais e organizacións profesionais de todo o país.
O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, como entidade responsable da defensa dos intereses profesionais do colectivo, pide o apoio e o compromiso inequívoco da Xunta para reverter esta situación, como xa fixeron outras administracións autonómicas, como a Generalitat Valenciana que en 2010 creou por lei o Corpo Superior Técnico de Enxeñaría en Informática.
A urxencia de poñer fin a este insostible agravio comparativo co resto das enxeñarías xa levou ao CPETIG a presentar aos candidatos á Presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións autonómicas do pasado setembro un paquete de medidas para ser asumidas polo novo executivo. Entre outras demandas, o CPETIG pedía naquel documento, que cobra agora plena vixencia, a regulación da profesión e a creación do Corpo Superior de Xestión en Enxeñaría Técnica en Informática da Xunta, considerando que a implantación da administración electrónica e os retos futuros en materia de automatización dos procedementos fan imprescindible a creación deste tipo de corpos especializados.