O CPETIG, en colaboración coa Amtega, organiza un curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade (ENS), que capacitará ás persoas asistentes para levar a cabo as auditorías previstas no marco do RD 3/2010 de implementación do ENS no ámbito da administración pública.
O curso, de 20 horas de duración, será impartido por Juan Luis García Rambla e Diego Cordero Domenech, de Sidertia. Está estruturado en catro sesións que terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de setembro no GH Los Abetos, de Santiago de Compostela. Os contidos teóricos estarán centrados nos fundamentos da implementación do ENS e nas medidas para cada un dos marcos que constitúen a norma de seguridade. E veranse complementados con sesións prácticas de revisión das medidas aplicables e da súa adecuación para o nivel establecido.
O prezo da matrícula é de 325€, establecendo unha inscrición especial de 95€ para colexiados e precolexiados de enxeñaría técnica e enxeñaría en informática (solicitar código de desconto no Colexio) e os non colexiados que soliciten colexiación no CPETIG. No prezo da matrícula inclúese o xantar dos sábados.
As persoas participantes no curso sairán cualificadas para realizar as auditorías establecidas no real decreto, que deben levarse a cabo ao menos cada dous anos, dirixidas a asegurar o cumprimento do ENS. O informe de auditoría deberá dictaminar sobre o grao de cumprimento, identificar deficiencias e suxerir as posibles medidas correctoras ou complementarias necesarias, así como as recomendacións que se consideren oportunas.
O ENS está deseñado para garantir o acceso, integridade, disponibilidade, autenticidade, confidencialidade, trazabilidade e conservación dos datos e informacións utilizadas en medios electrónicos xestionados polas administracións públicas no exercicio das súas competencias.