O CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero e o IES de Brión gañan Aprendo Programando

Equipos do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) e do IES de Brión (A Coruña) resultaron gañadores, nas categorías de Primaria e de ESO respectivamente, da III edición do concurso escolar Aprendo Programando, organizado polo  CPETIG, coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora. Os segundos premios en cada categoría foron para equipos do CEP Sequelo de Marín (Pontevedra) e do IES Ribeira do Louro de Porriño (Pontevedra).

A entrega de premios, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, estivo presidida por Juan Luis Miguéns, secretario CPETIG; e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora. En total, concurriron a esta III edición do certame 72 equipos de Primaria e de ESO, que presentaron proxectos programados con Scratch, centrados na temática ‘Patrimonio cultural europeo’, proposta polo CPETIG na convocatoria deste ano.

Na categoría de Primaria, o primeiro premio foi para o proxecto Viaxando por Europa do centro CPI Plurilingüe Virxe da Cela, realizado baixo a supervisión da profesora Camino Pereiro. E o segundo premio para  A Catedral do CEP Sequelo, supervisado polo profesor José Antonio Pazos.

Na categoría de Secundaria, o primeiro premio foi para O entroido en Europa do IES de Brión, baixo a supervisión de Aída Fraiz. E o segundo premio para o proxecto Patrimonio Europeo do IES Ribeira do Louro, supervisado por Raquel Santaolalla.

Os premios consisten nun mBot, robot educativo; tablets; exemplares do libro 50 anos de Baloncesto en Galicia, editado pola Federación Galega de Baloncesto; e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.

Aprendo Programando ten como obxectivo achegar a programación e integrar desde os primeiros niveis do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías, como unha oportunidade para o alumnado de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación. As tres edicións celebradas confirman o crecente interese pola iniciativa, considerada un estímulo tanto para o profesorado coma para o alumnado, que consigue a través deste concurso retos de superación a nivel persoal e colectivo.