O CPETIG solicita á Xunta corrección dunha convocatoria da escala de xestión de sistemas de informática

O CPETIG enviou a principios desta semana unha carta á Dirección Xeral de Función Pública da Xunta de Galicia para que corrixa a Orde de 1 de marzo de 2018 pola que convoca un proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o subgrupo A2 da escala de xestión de sistemas de informática.

Nesta convocatoria, establécense como requisitos de titulación estar en posesión ou en condicións de obter “a diplomatura ou grao nunha carreira de calquera rama”. Pero se omite a titulación de enxeñaría técnica, feito que causa preocupación ás persoas tituladas en enxeñaría técnica informática, ás que representa o Colexio.

Na súa misiva, o CPETIG solicita a Función Pública unha corrección de erros da citada Orde, de xeito que se inclúa expresamente a enxeñaría técnica como titulación admitida para concurrir á convocatoria ou ben que se emita un comunicado aclaratorio indicando a aceptación da enxeñaría técnica como titulación para optar a este proceso selectivo. A solicitude está fundamentada na Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia, que determina que “poden acceder ao subgrupo A2 as persoas en posesión das titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura, arquitectura técnica ou equivalente”.

Rotunda discriminación

Como telón de fondo a esta solicitude, subxace a necesidade de que se modifique o actual marco normativo e este tipo de prazas para a escala técnica de informática non estea aberto a calquera titulación. Esta demanda, reiterada en numerosas ocasións polo CPETIG, tivo un dos seus expoñentes máis recentes na presentación o pasado mes de decembro dun recurso potestativo de reposición contra o acordo da Mesa do Parlamento de Galicia por abrir a todas as titulacións a convocatoria de dúas prazas da escala técnica en informática da Cámara galega.

O CPETIG considera que abrir a convocatoria destas prazas á xeneralidade das profesións infrinxe os principios de mérito e capacidade e quebranta o de igualdade, amais de supor unha rotunda discriminación ao ver usurpada a súa especialización. O Colexio pide que Galicia aplique o modelo doutras Comunidades Autónomas, que sí dirixen as convocatorias de postos similares única e exclusivamente a persoas tituladas en enxeñaría técnica en informática, que son as únicas oficialmente capacitadas pola súa titulación para o exercicio das funcións propias das prazas convocadas.