O CPETIG, a través do seu presidente, Marcos Mata, presentou o pasado 28 de decembro un recurso potestativo de reposición contra o acordo da Mesa do Parlamento de Galicia que abre a todas as titulacións a convocatoria de dúas prazas da escala técnica en informática da Cámara Galega, por entender que infrinxe os principios de mérito e capacidade e quebranta o de igualdade.
Inicialmente, estas prazas foron convocadas esixindo titulación en informática, segundo as bases publicadas no DOGA do 22 de agosto de 2017, pero como consecuencia dun recurso presentado e estimado pola Mesa do Parlamento, a Cámara acordou a modificación dos requisitos de formación, deixando abertas estas dúas prazas a calquera persoa “diplomada ou graduada nunha titulación de calquera rama”, segundo as bases, publicadas no DOGA do 28 de novembro de 2017.
Nas súas alegacións, o CPETIG argumenta que a formación esixida en principio –diplomatura en informática, enxeñaría técnica en informática ou grao en enxeñaría informática- é a requerida expresamente para os postos convocados pola lexislación do propio Parlamento, do mesmo xeito que así se dispón na Relación de Postos de Traballo da Administración do Parlamento de Galicia.
Indefensión e quebranto do principio de igualdade
O CPETIG considera que abrir a convocatoria destas prazas á xeneralidade das profesións supón “unha discriminación ao ver usurpada a súa especialización”. E pon de relevo que outras Comunidades Autónomas dirixen as convocatorias de postos similares única e exclusivamente a persoas tituladas en enxeñaría técnica en informática, que son as únicas oficialmente capacitadas segundo a súa titulación para o exercicio das funcións propias das prazas convocadas.
Este caso deixa en situación de evidente indefensión aos profesionais da enxeñería técnica en informática en Galicia, que ven quebrantado o principio de igualdade por partida doble: tanto en relación a outras titulacións como a outras Comunidades Autónomas, nas que sí se respetan os seus dereitos.
Asemade, o CPETIG entende que se estarían conculcando os preceptos de igualdade, mérito e capacidade para o acceso ao emprego público, derivados na normativa vixente, e a necesaria adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas a desenvolver, recollida no Estatuto Básico do Empregado Público.
Falta de motivación no cambio de criterio
O CPETIG aprecia, por outra banda, unha total falta de motivación no cambio de criterio das bases da convocatoria, tendo en conta que “non se utiliza ningún argumento con fundamento suficiente que xustifique que unha praza dirixida a profesionais dun perfil concreto se abra a unha xeneralidade de profesións, sen ter en conta a afinidade da materia, infrinxindo os principios de mérito e capacidade”.
En consecuencia, o CPETIG solicita no seu recurso que se declare a nulidade do citado acordo da Mesa do Parlamento polo que se modifican as bases do proceso selectivo, dictando no seu lugar outro polo que se deixe sen efecto a modificación acordada.