O CPETIG colabora coa Facultade de Informática da UDC na organización da Hora do Código UDC 2017, unha iniciativa gratuíta dirixida a escolares de 8 a 14 anos que terá lugar o sábado 16 de decembro. Esta acción enmárcase no evento internacional A Hora do Código que se celebra na primeira quincena de decembro en máis de 180 países para achegar a programación de computadoras dunha forma natural, simple, intuitiva e divertida.
Os escolares participantes deben asistir acompañados por unha persoa adulta e levar ordenador portátil ou tablet. Distribuiranse por idades e niveis en grupos de 10-18, asistidos por un monitor que orientará a actividade, e ao remate recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia.
Segundo explica a web do evento, “o obxectivo é aprender conceptos fundamentais de programación, dispoñendo de bloques lóxicos que, amoreándose do xeito adecuado, poidan realizar accións concretas, como mover un personaxe nunha escena ou debuxar una forma”.
A Hora do Código UDC 2017 terá lugar na Facultade de Informática, no Campus de Elviña. Aquelas persoas que non poidan asistir pero estean interesadas, poden participar desde a súas casas conectándose a www.code.org e probando algún dos titoriais dispoñibles: Minecraft, Star Wars, Frozen, Flappy, etc.
O prazo para formalizar as inscricións remata o sábado día 16 ás 12.00 horas. Máis información e inscricións en https://hourofcode.fic.udc.es
A Hora do Código a nivel mundial está organizada por Code.org, unha organización pública sen fins de lucro dedicada a promover as ciencias da computación en escolas e institutos, cunha especial atención en incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprenden a programar.