Condicións Xerais de Uso da Tarxeta Criptográfica Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia - CPETIG

O solicitante manifesta a expresa aceptación destas Condicións Xerais para a utilización da tarxeta criptográfica entregada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (en diante, CPETIG)

PRIMEIRA. O usuario declara coñecer que a tarxeta criptográfica recibida contén módulos hardware para a execución de algoritmos e que pode almacenar de forma segura un certificado dixital e a súa clave privada coa finalidade de sinatura dixital, identificación dixital, medio de pagamento, almacenamento seguro, etc., certificado que NON se contén na tarxeta criptográfica entregada ao usuario, sendo elección deste a súa efectiva incorporación, así como a entidade emisora deste.

SEGUNDA. Esta tarxeta criptográfica é persoal e non transferible. A tarxeta non poderá ser utilizada por outra persoa que non sexa o titular, quen deberá proceder á súa inmediata sinatura.

Os certificados que no seu caso se incorporen teñen un período de vixencia. Poden ser ademais cancelados ou revogados, sempre que o titular o desexe ou dubide de posuír en exclusiva a clave privada.

TERCEIRA. O usuario obrígase a tomar as debidas precaucións para garantir a seguridade da tarxeta e do procedemento que permite a súa utilización, a custodiar a súa clave, a notificar sen demora a súa perda, roubo ou falsificación da tarxeta ou dos medios que fan posible o seu uso.

Para o caso de que o titular decida proceder á instalación do certificado da súa elección, se por accidente ou roubo cre que a parte privada do certificado non está baixo o seu exclusivo control, pode anular a validez deste, é dicir, pódeo revogar, mediante comunicación coa entidade de certificación emisora a través dos medios que esta dispuxese para o efecto.

En todo caso, o uso indebido da tarxeta será motivo de cancelación inmediata e automática desta.

CUARTA. En caso de que o usuario estea interesado en incorporar un certificado á presente tarxeta, o proceso de solicitude do certificado require que a solicitude e a descarga han de facerse coa tarxeta no lector. Para a solicitude haberá de seleccionarse coa tarxeta dentro do lector. Desta forma, as claves xéranse na tarxeta en vez de no navegador. A descarga ha de seleccionarse igualmente coa tarxeta dentro do lector para que se descargue o certificado nesta.

As claves criptográficas – conxunto de datos ou información manexada e xestionada polo usuario para realizar operacións criptográficas – que posibilitan estas operacións xéranse no momento da solicitude do certificado e quedan unidas inequivocamente ao titular destas. Todo o anterior, vese reforzado en España coa Lei 59/2003 de firma electrónica que permite ofrecer garantía e seguridade xurídica ás transaccións realizadas cos certificados electrónicos.

QUINTA. Esta tarxeta constitúe tamén o soporte físico do carné electrónico de colexiado desenvolvido polo CPETIG para facilitar a práctica do exercicio profesional dos seus membros, permitíndolles realizar toda unha serie de transaccións online con plena validez xurídica e garantías de seguridade e confidencialidade, sempre que o titular instalase no seu caso o correspondente certificado.

A utilización da tarxeta criptográfica como carné colexial electrónico require:

– Cumprir coas condicións especificadas no Contrato de Prestación de Servizos de Firma Electrónica e a Política de Certificación relativa aos usos e responsabilidades no uso do certificado correspondente á entidade emisora elixida no seu caso.

– Proceder á devolución do carné colexial electrónico ao CPETIG no momento en que por calquera motivo o titular perdese a condición de colexiado, dado que a súa validez se encontra directamente vinculada á devandita condición.

– Comunicar a perda ou subtracción do carné coa máxima urxencia ao Colexio. Se leva incorporado o certificado dixital deberá comunicalo directamente á entidade emisora deste.

SEXTA. O CPETIG queda exento de calquera responsabilidade polo uso indebido, fraudulento ou neglixente da tarxeta e de calquera dano ou prexuízo que puidese ocasionarse polo mal uso desta dende o momento da súa entrega e sinatura polo usuario, sendo este responsable do seu uso e custodia