Mañán pola mañá estará en Tui, e o 26 de setembro en Fisterra, para continuar no mes de outubro.
O programa, impulsado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia en colaboración coa AMtega, busca derrubar mitos sobre a programación dende idades temperás.
O broche de ouro terá lugar o 10 de outubro cunha gran xornada de peche no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMtega) dan comezo hoxe á undécima edición do programa Scratch Day. A iniciativa arranca oficialmente este venres na aula CeMIT do concello de Guitiriz, marcando o inicio dun circuíto de actividades que se prolongará ata o vindeiro 10 de outubro.
O proxecto, que cumpre xa once anos achegando a tecnoloxía aos máis novos, ten como obxectivo principal derrubar mitos arredor da programación informática e espertar vocacións no ámbito STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) dende idades temperás. As actividades están dirixidas a rapazada de entre 7 e 15 anos.
Calendario e sedes nas aulas CeMIT
O programa desenvólvese este ano a través de xornadas formativas presenciais en catro concellos galegos integrados na Rede CeMIT:
Guitiriz: 11 de setembro de 2026 (Inicios do programa)
Tui: 12 de setembro de 2026
Fisterra: 26 de setembro de 2026
Celanova: Datas dispoñibles na web da Rede CeMIT
Gran xornada de peche na Cidade da Cultura O punto culminante desta XI edición celebrarase o 10 de outubro no Salón de Convencións do edificio CINC, situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Esta xornada de encontro e celebración reunirá a participantes de toda Galicia.
O prazo de inscrición para participar xa se atopa aberto e as prazas pódense reservar a través do portal da Rede CeMIT ou nas páxinas oficiais http://scratchday.cpetig.gal e https://xi-scratchday-cpetig.eventbrite.es
