A Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática, CODDII, celebra o vindeiro día 2 de novembro un acto conmemorativo dos 40 anos dos estudos universitarios de Informática en España, no marco da súa Asemblea Xeral anual.
O acto, que terá lugar no Kursaal de San Sebastián, será inaugurado pola reitora da Universidade do País Vasco, UPV, Nekane Balluerka, e polo presidente de CODDII, Ernesto Pimentel. Dará comezo cun relatorio de María Elisa Verdejo, da UNED, titulado “Unha crónica persoal de catro décadas de ensinanza universitaria da informática: logros e desafíos”, seguido dunha mesa redonda sobre “A informática nos vindeiros 40 anos”, que contará coa participación de profesionais de Accenture, BBVA, Microsoft e o Clúster GAIA, moderados por Eduardo Vendrell, da UPV.
Unha conferencia tecnolóxica sobre “Computación cuántica” pronunciada por Ariadna Font, de IBM Research, e a entrega de premios ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, que será recollido polo secretario de Estado de Educación, Marcial Marín; e ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, recollido polo secretario de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, José María Lasalle, completan a axenda deste acto, que rematará cunha exhibición cultural de Dantza jauziak do grupo Kukai.
Segundo explica CODDII na web do aniversario en referencia a esta traxectoria de catro décadas, “foron 40 anos de auxe e de consolidación dunha nova profesión, a de enxeñaría en informática, que é protagonista indiscutible da revolución social, industrial e económica que está supoñendo a dixitalización. Celebramos por tanto 40 anos de formación universitaria dos profesionais que están protagonizando este cambio e que están chamados a inxeniar o futuro digital. Celebramos asemade que este reto se afronta desde a madurez plena dos estudos e da profesión que confiren estes 40 anos”.
Na dirección web https://40aniversario.coddii.org/es pode consultarse toda a información completa dos contidos e o desenvolvemento desta conmemoración.