Charlas do CPETIG sobre informática forense para alumnado do grao de Criminoloxía da USC

No marco da colaboración do CPETIG coas universidades galegas, ao obxecto de establecer unha estreita interrelación entre o colexio profesional e o alumnado, hoxe tiveron lugar dúas charlas sobre informática forense, dirixidas a estudantes do grao de Criminoloxía da USC.

As sesións, celebradas na facultade de Dereito, foron impartidas por Carlos Vila, membro do Corpo Oficial de Peritos (COP) do CPETIG e delegado de Protección de Datos (DPO), que tivo a oportunidade de compartir coñecementos e experiencias do seu exercicio profesional con dous grupos de estudantes, poñendo de relevo a importancia da aplicación de técnicas científicas e analíticas especializadas para análise forense dixital, coa finalidade de identificar, preservar, analizar e presentar datos válidos dentro dun proceso legal.

Na súa exposición, Carlos Vila dedicou a primera parte á metodoloxía en informática forense, para pasar despois a unha interesante descripción práctica de casos reais de ataques recentes a empresas, aos que el mesmo tivo que dar solución. Deste xeito, o alumnado tivo ocasión de escoitar en primeira persoa como debe abordarse de forma eficaz unha intervención destas características.

Para rematar, explicou outras actuacións de peritaxe que se realizan desde o COP, tanto a nivel xudicial como extraxudicial.