· As actividades vanse desenvolver durante os meses de xullo, agosto e setembro nas aulas CeMIT de 16 concellos de Galicia para rapaces e rapazas e sesións adicionais no centro Gaiás Tech
· Está liderada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poñen en marcha un novo ciclo de 30 obradoiros de verán para achegar aos rapaces e rapazas formación e recursos dixitais gratuítos.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 16 concellos de toda Galicia. Este novo ciclo de obradoiros acaba de arrancar no concello de Leiro. Posteriormente haberá obradoiros na cidade de Pontevedra, en Oroso, Ribeira, O Vicedo, A Bola, Valga e finalizarán os de xullo a finais de mes en Fisterra. Voltarán en agosto en setembro.
Cada concello contará con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 9-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-16 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Contidos dos obradoiros
Nos obradoiros achegarase ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e programándoas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.
