As enxeñerías en Informática lideran a demanda de emprego en España

As enxeñerías en Informática lideran a demanda de emprego das empresas en España nun contexto no que os perfís profesionais máis valorados son os que reúnen as características de gran adaptación ao cambio, bo nivel de idiomas, dispoñibilidade xeográfica, experiencia en entornos multiculturais e uso intensivo das novas tecnoloxías, segundo pon de relevo o recente informe Infoempleo de Adecco correspondente a 2016.

Este informe, que analiza en profundidade os vínculos existentes entre a formación académica e o mercado laboral, revela que os titulados universitarios seguen sendo os candidatos máis demandados polas empresas nas súas ofertas de emprego. Durante o último ano, o 42,2% das ofertas incluían entre os seus requisitos que a persoa candidata conte, como mínimo, cunha titulación universitaria, unha cifra que aumenta ata o 55% se se teñen en conta as ofertas nas que se solicita acreditar formación cualificada (Formación Profesional e/ou Titulación Universitaria).

De forma xeral, as ofertas de emprego que requiren candidatos con titulacións técnicas  aumentaron lixeiramente  ata situarse no 36,5% das ofertas nas que se especifica a área da titulación universitaria.

As carreiras técnicas máis demandadas polas empresas durante 2016 foron as enxeñerías en Informática (6%), Enxeñería Industrial (5,45%), Enxeñería de Telecomunicacións (2,6%), Enxeñería en Electrónica Industrial e Automática (2%) e Enxeñería Mecánica (1,6%). O informe sinala tamén que a informática continúa liderando a demanda de emprego no macrosector TIC, cun 5,5% da oferta nacional.

Á vista do informe, durante 2016 o requisito de experiencia profesional aumentou a súa presenza na oferta de emprego en máis de catro puntos, chegando ao 79,55% neste último ano.

E facendo unha prospección de futuro, o informe de Adecco apunta que o 43% das organizacións contratarán a máis empregados en 2018, un horizonte no que de novo aparece a informática como un dos perfís profesionais que serán máis demandados polas empresas.

Pode consultarse o informe completo neste enlace.

https://iestatic.net/infoempleo/documentacion/Informe-Infoempleo-Adecco-2016.