Ir ao contido
Novas
Inicio > Novas > Actualidade > Apoio do CPETIG á Lei da Enxeñaría proposta polo INGITE

Apoio do CPETIG á Lei da Enxeñaría proposta polo INGITE

  • Reclama que a Enxeñaría Técnica en Informática forme parte de pleno dereito do novo marco profesional.
  • O CPETIG considera que a proposta é a oportunidade de pór fin a décadas sen regulación profesional da informática, e pide a todas as forzas políticas que concorren ás eleccións do 29 de novembro que se comprometan nos seus programas a tramitar a Lei da Enxeñaría na próxima lexislatura.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) manifesta o seu apoio á proposta de Lei da Enxeñaría presentada o pasado 18 de setembro polo Instituto de Graduados en Ingeniería e Ingenieros Técnicos de España (INGITE). O Colexio entende que o novo marco é unha ocasión histórica para modernizar a profesión, aliñala con Europa e pór en valor a Enxeñaría Técnica en Informática, a única rama da enxeñaría que segue sen atribucións profesionais recoñecidas.

A proposta do INGITE parte dun diagnóstico que o CPETIG comparte. O sistema español de enxeñaría segue ancorado en estruturas de hai máis de medio século, e a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior quedou incompleta. O resultado é un modelo fragmentado, difícil de entender para estudantes, familias, empresas e Administracións.

A futura lei articúlase sobre catro piares que o Colexio respalda:

  • Aliñamento europeo. Homologar a enxeñaría española cos estándares de Engineers Europe e a certificación EUR ING, para facilitar o recoñecemento e a mobilidade dos profesionais.
  • Certeza académica. Reservar a denominación “Enxeñaría” a títulos de polo menos 240 ECTS cun núcleo técnico común, e que todos eles sexan habilitantes. Así acabaríase cos chamados “graos brancos”, que non permiten exercer a profesión.
  • Atribucións dinámicas. Pasar de atribucións fixas, ligadas ao título inicial, a un sistema baseado en competencias que medre coa experiencia, a formación continua e a especialización.
  • Organización Colexial Unificada. Unha voz común para toda a enxeñaría, apoiada nun Rexistro Nacional Profesional, sen que os colexios de cada rama perdamos a nosa identidade nin a nosa función.

Marcos Mata, presidente do CPETIG, declarou que “desde o CPETIG apoiamos sen fisuras a iniciativa do INGITE, sempre que a Enxeñaría Técnica en Informática se inclúa en igualdade de condicións coas demais enxeñarías”.

A Enxeñaría Técnica en Informática, a rama esquecida

Para o CPETIG, a Lei da Enxeñaría ten unha importancia especial. A informática está presente en todos os sectores: a sanidade, a banca, a administración electrónica, as infraestruturas críticas ou os procesos electorais. Con todo, en España calquera persoa pode asinar un proxecto informático sen acreditar formación nin responsabilidade profesional.

A propia Constitución de 1978, no seu artigo 18.4, xa encomendaba á lei limitar o uso da informática para garantir o honor, a intimidade e o pleno exercicio dos dereitos da cidadanía. Case medio século despois, aquel mandato segue sen desenvolverse para a profesión, e a ciberseguridade, a protección de datos e a intelixencia artificial fan esa garantía hoxe máis necesaria ca nunca.

Segundo o CPETIG, a chegada da intelixencia artificial non resta valor a esta demanda; ao contrario, refórzaa, porque os sistemas de IA xa toman ou apoian decisións sobre diagnósticos médicos, concesión de créditos ou procesos de selección de persoal. “Canto máis autónomos son os sistemas, máis necesario é que haxa profesionais cualificados que respondan do seu deseño, da súa seguridade e das súas consecuencias, porque a tecnoloxía pode automatizar tarefas, pero non pode asumir a responsabilidade profesional”, manifestou Marcos Mata.

O sistema universitario recoñece este perfil profesional desde hai máis de quince anos. En 2009, o Consello de Universidades aprobou as recomendacións coñecidas como “fichas” para o Grao en Enxeñaría Técnica Informática e o Máster en Enxeñaría Informática (BOE do 4 de agosto de 2009). Esas fichas, actualizadas no BOE en maio de 2026, inclúen a capacidade para concibir, desenvolver e asinar proxectos no ámbito da enxeñaría informática. Porén, mentres as demais enxeñarías contan con ordes ministeriais que vinculan o título á profesión regulada, a informática segue rexida por simples recomendacións. “É unha anomalía que o Goberno mantén sen resolver desde 2009 e que a Lei da Enxeñaría pode corrixir”, sostén o presidente.

Por iso, o CPETIG defende que a futura lei:

  1. Inclúa expresamente a Enxeñaría Técnica en Informática entre as ramas da enxeñaría, coas mesmas garantías ca o resto.
  2. Recoñeza atribucións profesionais baseadas en competencias para quen proxecta, dirixe e audita sistemas de información.
  3. Integre os colexios de informática na Organización Colexial Unificada e no Rexistro Nacional Profesional de Enxeñaría.

“Xa está ben de asumir como natural unha situación na que a profesión informática carece de regulación. Mentres tanto, multiplícanse as normas que afectan directamente ao noso traballo: o Regulamento Xeral de Protección de Datos, a Directiva NIS2, o Esquema Nacional de Seguridade ou o Regulamento europeo de Intelixencia Artificial. Europa fixa as obrigas, pero deixa en mans de cada Estado definir quen é o profesional competente para cumprilas. Países como Italia ou Portugal xa integran a enxeñaría informática nas súas organizacións profesionais de enxeñaría; en España, ese oco segue baleiro. Na avogacía, na arquitectura ou noutras enxeñarías, cada norma vai acompañada dunha atribución profesional: a Lei de Ordenación da Edificación determina quen pode proxectar un edificio, e a normativa de baixa tensión esixe un técnico competente que asine a instalación. Na informática, quen deseña os sistemas que custodian a historia clínica dun paciente ou os datos fiscais dunha familia non ten que acreditar nada. Iso non é liberdade, é inseguridade para a cidadanía”, sinalou Marcos Mata.

Chamamento ás forzas políticas e á sociedade

A convocatoria de eleccións xerais para o 29 de novembro abre unha nova etapa lexislativa. O CPETIG pide a todas as forzas políticas que concorren aos comicios que incorporen aos seus programas o compromiso de tramitar unha Lei da Enxeñaría na próxima lexislatura.

O Colexio colaborará tamén na difusión da proposta entre as persoas colexiadas e a sociedade galega. Ademais, anima os estudantes e titulados en graos de enxeñaría sen atribucións profesionais a participar na enquisa do INGITE dispoñible en ingite.es/grados-blancos.

O CPETIG convida a universidades, empresas, Administracións e profesionais do sector TIC en Galicia a sumarse a un debate que decidirá como se organiza a enxeñaría durante as próximas décadas.

  • Síguenos en