Ábrese o prazo de inscrición para o curso de Análise Forense en Redes e Resposta ante Incidentes

Curso Análise Forense en Redes

 

Desde hoxe está aberto o prazo de inscrición para o curso e Análise Forense en Redes e Resposta ante Incidentes, que dará comenzo o 9 de setembro, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) lanza o seu curso formativo de análise forense en redes e resposta ante incidentes, no marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030.

Despois do éxito do ano pasado, o ente colexial volve poñer o foco nunha temática de máxima actualidade centrando o seu contido en dar a coñecer aos asistentes as ferramentas para detectar, adquirir e preservar evidencias dixitais e amosar os conceptos nos que se basea a análise forense dixital en redes. Ademais, incidirase nos distintos tipos de ciberincidentes e como proceder cando se detectan tendo en conta as súas características diferenciais desde a visión dun experto na materia.

O curso estará dividido en catro sesións de 5 horas cada unha a desenvolver os días 9,10, 16 e 17 de setembro (en horario de 16:00 a 21:00 horas os venres e de 09:00 a 14:00 os sábados).

 

Perfil, prezo e vantaxes de ser colexiado do CPETIG

O custo desta formación, aberta a todos os perfís relacionados coa informática e a enxeñería técnica informática, o hipersector TIC, cargos de responsabilidade en seguridade, auditoras, consultoras, e en definitiva calquera profesional  con interese na materia é de 200 euros.

Sen embargo, o propio CPETIG ofrece aos seus colexiados, aos do CPEIG e máis o persoal da Amtega, a posibilidade de asistir ao curso e obter os coñecementos impartidos de balde, introducindo un código interno que será facilitado por canles propias do colexio.

Ademais, este curso é válido para o acceso ao Corpo Oficial de Peritos do propio CPETIG.

 

Contidos do curso

As 20 horas lectivas deste curso ofrecido polo CPETIG e a Amtega repartiranse nas seguintes áreas formativas: análise forense de rede; fontes de evidencia; metodoloxía ÓSCAR; topoloxías típicas de rede; conceptos de switching e routing; ataques de rede; despregamento de infraestrutura necesaria; ferramentas de captura de rede: Suite Wireshark; TCPFlows: ntop-ng e argus; despregamento de infraestrutura de IDS: snort, suricata, bro e Wazuh; ferramentas de monitorización de tráfico; Security Onion; intercepción, captura e análise de protocolos; exfiltración de información; fontes de evidencia: firewalls, proxies, WAFs e casos prácticos.

 

Formación a cargo de Securízame

O curso estará impartido por Lorenzo Martínez, CTO en Securízame, compañía especializada en proxectos de ciberseguridade que asesora, forma, audita e integra solucións de terceiros e propias para mellorar a seguridade dos sistemas, redes e comunicacións das empresas e Administracións Públicas.

Lorenzo Martínez conta ademais con experiencia en edicións anteriores desta mesma formación para o CPETIG. É titulado en Enxeñaría Superior en Informática pola Universidade de Deusto, atesoura ampla formación especializada e experiencia profesional no eido da seguridade informática.

 

Inscricións

Para participar desta actividade formativa organizada polo CPETIG en colaboración coa Amtega, é imprescindible rexistrarse no seguinte enlace.