Aberto o prazo de inscrición no curso de ‘Tratamento e análise de evidencias dixitais’, que terá lugar o 4 e 5 de outubro na CdC

Ata o vindeiro 2 de outubro está aberto o prazo de inscrición no curso de ‘Tratamento e análise de evidencias dixitais e defensa dos resultados’, que organiza  o CPETIG en colaboración coa AMTEGA. O curso terá lugar a fin de semana do 4 e 5 de outubro no Espazo Off da Cidade da Cultura de Galicia, cunha duración de 12 horas.

A primeira sesión, o venres día 4 en horario de tarde, será impartida por Víctor Salgado, avogado-socio de Pintos&Salgado, que presentará o Relatorio xurídico-práctico: informática pericial. O  sábado día 5 a sesión matinal será impartida por Gonzalo Sotelo, policía xudicial especialista en e-crime, co relatorio Evidencias dixitais, valor probatorio. O contido formativo completarase coa  sesión de tarde sobre Informe pericial: modelo normalizado do CPETIG, na que serán relatores Juan Luis Miguens e Miguel Abal, secretario e vicesecretario do Colexio.

As persoas asistentes a este curso poderán solicitar o acceso ao Corpo Oficial de Peritos do CPETIG, COP.

Oportunidade

A oportunidade desta oferta formativa entronca directamente co carácter determinante do axeitado estudo e análise das evidencias dixitais na informática pericial, consideradas como calquera rexistro xerado ou almacenado nun sistema dixital que poida ser utilizado como proba nun proceso legal. De aí que un bo manexo delas sexa un reto para os profesionais, peritos informáticos ou telemáticos, na medida na que utilizar os medios e métodos idóneos é imprescindible para que non se malogre a finalidade procesal.

Neste contexto, o curso dará as claves para traballar eficazmente coas evidencias dixitais, de xeito que sirvan como un instrumento de valor legal en procesos xudiciais ou en investigacións  forenses, ofrecendo formación especializada dirixida á adquisición de competencias e coñecemento do catálogo de técnicas que poden ser combinadas para o estudo de casos concretos de evidencias dixitais.

Para máis información e inscricións