Esta nova actividade de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade desenvólvese no marco de colaboración conxunta coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia – Amtega e está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, nais e pais e profesores ou formadores
Celebrarase o sábado 7 de outubro, de 9 a 14 horas na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Haberá 30 prazas para a rapazada con adultos e outras 15 para profesorado. A reserva de praza tramítase a través do link: https://viii-scratchday-cpetig.eventbrite.es
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) abre o período de inscrición para o seu programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade. O “Scratch Day” celebrará este ano a súa oitava edición, sendo este un dos contidos máis destacados dentro do marco de colaboración que o ente colexial mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia – Amtega, e que está deseñado para achegar aos máis novos, pero tamén aos seus pais e nais, e aos formadores interesados, ás novas tecnoloxías, á linguaxe de programación e á informática.
O Scratch Day 2023 estará centrado na temática da gamificación e do entorno dos videoxogos. Os tres públicos obxectivos aos que se dirixe esta actividade lúdico-formativa son: nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos; os seus pais, nais ou titores, e a comunidade de profesores, formadores e directores de centros de ensino interesados en aplicar a tecnoloxía e a linguaxe Scratch nas súas aulas. Esta formación teórico-práctica desenvolverase o vindeiro sábado 7 de outubro en formato intensivo de 9:00 a 14:00 horas no salón de convencións do edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
O programa da actividade para as familias inclúe unha primeira aproximación ao entorno Scratch, cunha parte didáctica de como mover, lanzar e interactuar con obxectos para programar un videoxogo básico. Ademais, traballaranse as interaccións a través da cámara e do son e a linguaxe de programación con Microbit permitirá empregar a radio e o control remoto entre dispositivos. Os participantes crearán o xogo do número segredo, xogos de scroll, un dado dixital, unha búsqueda do tesouro e un videxogo con LEDs.
No módulo específico para profesores e formadores, traballaranse obxectos, escenarios e bloques de programación, así como o movemento, a animación e a interacción entre eses obxectos. Por último, haberá tempo para o desenvolvemento dun videoxogo básico. Habilitarase tamén a creación de unidades didácticas para contido curricular e abordarase un traballo transversal con Scratch e Microbit.
Unha das grandes novidades desta edición será a presentación dun caso de éxito no uso de tarxetas Microbit nun colexio, que aplicou esta tecnoloxía a un proxecto para implantar un sistema de rego no centro.
O programa, enmarcado dentro das áreas STEM (polas súas siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), conta cunha importante experiencia entre a comunidade escolar galega nas edicións preferentes e colle o relevo dentro do calendario de actividades do CPETIG do programa #GirlSteam, que percorreu 15 concellos de Galicia para amosar o uso das novas tecnoloxías do stop motion e dos tecidos intelixentes entre a mocidade.
Proceso de inscricións
O período de inscricións para a oitava edición do Scratch Day do CPETIG xa está aberto a través do enlace https://viii-scratchday-cpetig.eventbrite.es
Haberá un total de 30 prazas para a rapazada, que estarán acompañados nesta actividade conxunta por un familiar adulto e outras 15 para o profesorado que queira recibir formación sobre este entorno para poder aplicar na docencia.