· Na actualidade esta disciplina é fundamental á hora de resolver incidentes de seguridade e abre unha saída profesional cada vez máis necesaria na sociedade
· Quedan abertas as inscricións a partir do día 7 de maio na URL http://informaticaforense.cpetig.gal/
· Entre os destinatarios están os peritos informáticos, os responsables de seguridade TIC, o persoal das oficinas de seguridade, os auditores internos ou externos e os consultores, avogados e profesionais interesados en adquirir coñecementos en análise de evidencias dixitais
Santiago de Compostela, 7 de maio do 2025.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) ven de organizar un curso sobre informática forense destinado a tódolos profesionais interesados en adquirir coñecementos en análise de evidencias dixitais. Na actualidade, esta disciplina é fundamental á hora de resolver incidentes de seguridade como ciberataques e abre unha saída profesional aos enxeñeiros/as técnicos en informática cada vez mais necesaria na sociedade.
Trátase dunha formación de 9 horas de duración en modalidade presencial con dúas sesións de 4 horas e media por xornada, a celebrar durante un fin de semana: venres 6 (de 16:30 a 21:00 horas) e sábado 7 de xuño (de 09:30 a 14:00 horas). Está aberto á participación de calquera persoa ou representante do sector público ou privado, e especialmente enfocado a perfís: Peritos Informáticos, Responsables de seguridade TIC, Persoal das oficinas de seguridade, Auditores internos ou externos, Consultores, avogados e profesionais interesados en adquirir coñecementos en análise de evidencias dixitais.
A apertura das inscricións xa está aberta e pode facerse a través da URL http://informaticaforense.cpetig.gal/ . Coléxiate no CPETIG e benefíciate de descontos para colexiados de Enxeñaría Técnica e Enxeñaría en Informática.
Docentes e profesionais
O curso celebrarase de xeito intensivo durante o venres, día 6 de xuño e o sábado, 7 na Sala 9 do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A formación estará a cargo de docentes e profesionais no campo xurídico e tecnolóxico entres os que se atopan o socio-manager en Pintos & Salgado Avogados, Vítor Salgado, o perito e socio de 3inLab Informática Forense, Carlos Vila e o Colexiado e membro da Xunta de Goberno do CPETIG, Juan Luís Miguéns.
Os principais obxectivos de formación serán coñecer o marco xurídico sobre o que se sustenta o labor do perito, coñecer as técnicas necesarias para adquirir e preservar evidencias dixitais, coñecer os conceptos teóricos en que se basea unha análise forense, adquirir os coñecementos necesarios para a análise das evidencias contidas en medios dixitais, saber como redactar un Informe Pericial baseado na análise forense das evidencias dixitais, saber como redactar un informe contrapericial, saber como expresar as conclusións alcanzadas tras unha análise forense, defensa do informe pericial e contrapericial en sede xudicial.
