A undécima edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, IURISTICGAL, que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG), reuniu a destacados expertos do eido da xustiza e da tecnoloxía, ao redor de cinco relatorios maxistrais e unha mesa redonda.
Baixo o tema “Antoloxía 2010-2022”, fíxose unha retrospectiva polas edicións anteriores e dedicouse especial atención a un dos temas que marcará o camiño na transformación xudicial como é o metaverso e a súa vinculación coa investigación de ciberdelitos. O resto dos relatorios maxistrais abordaron outras temáticas como a dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia, o estado actual e futuro do sistema xudicial e, a defensa dos dereitos fundamentais nun mundo dixital; intervencións nas que se presentaron casos reais e se valoraron ás posibilidades e camiños cara aos que evoluciona o sistema xudicial nun mundo cambiante con cada vez máis retos dixitais.
A apertura deste foro de expertos, realizado grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), estivo a cargo do Director Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni, e do Director da Amtega, Julián Cerviño e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. A cita, ademais asistiron profesionais de diversas ramas do Dereito como xuristas, fiscais e avogados, ao igual que especialistas do campo das TIC e axentes da Policía Nacional.
Intervencións claves dos relatores
Os relatores, responsables directos de darlle sentido a este evento, deixaron ao longo das súas intervencións interesantes aportes nesta XI edición do IURISTICGAL:
- O Maxistrado da Audiencia Nacional, Joaquín Delgado Martín, primeiro relator do evento e encargado de abordar o “Estado actual e futuro da modernización da Xustiza” remarcou na súa intervención que “O cidadán ten que ser o centro da Xustiza. No caso contrario, pode haber consecuencias negativas”.
- A través do “Plan Senda 2025 – Dixitalización da Administración de Xustiza en Galicia”, segundo eixo do #IURISTICGAL22, a directora de Administración Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María José García, apostou por “avanzar na calidade do dato e reducir a presencialidade con todas as garantías”.
- Pola súa banda, Ofelia Tejerina, avogada experta en TIC e Presidenta da Asociación de Internautas falou de “pseudonimato, liberdades, dereitos e metaverso, e como se ven afectados polos ceros e uns”, na súa participación enmarcada na “Defensa dos Dereitos fundamentais nun mundo plenamente dixital”.
- Eloy Velasco, Maxistrado da Audiencia Nacional e un dos expertos que ano tras ano deixan a súa pegada no IURISTICGAL, arrancou a súa presentación sobre a “Proba electrónica e intelixencia artificial ante unha Xustiza plenamente dixital” deixando dous interesantes titulares: “O Dereito imponse porque a Intelixencia artificial equivócase” e “o Dereito é o único límite de calquera invención humana”.
- Yago Reboyras, Xefe do grupo de Ciberdelincuencia da Policía Nacional na Coruña responsable de desenvolver un dos temas destacados da xornada “A investigación de ciberdelitos nunha realidade que evoluciona cara ao metaverso” alertou de que en 2020 a cifra nesta área foi de 5,5 Billóns de euros “porque é máis rendible e ten menos riscos”. E advertiu tamén que “hoxe non é precisa demasiada formación delictiva para levala a cabo”.
A undécima edición rematou cunha mesa redonda na que participan os relatores con preguntas directas do público asistente.
Correspondeu ao presidente do CPETIG, Marcos Mata, como representante desta entidade colexial impulsora do IURISTICGAL, agradecer a participación dos poñentes, a implicación dos participantes e á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia por colaborar no desenvolvemento desta actividade realizada en virtude do convenio para a realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.