UVigo é tradicionalmente a universidade galega con máis mulleres matriculadas no Grao de Informática, pero acusa na mesma proporción que o resto a menguante presenza feminina. Mentres a comezos da década pasada se acadaron taxas que chegaban ao 30% de mulleres nas súas aulas de Informática, a representación caeu ao 15% o pasado curso académico 2015-2016, no que a matrícula feminina no conxunto dos Graos desa universidade foi do 51%.
Na mesma liña, a USC experimentou tamén unha significativa reducción de alumnas en Informática, pasando do 25% a comezos da década pasada ao 12% do pasado curso, unha presenza especialmente escasa, tendo en conta que é unha universidade altamente feminizada cun 62% de alumnas.
E a UDC, que chegou a ter un 23% de alumnas en Informática nos primeiros anos da pasada década, baixou ao 11% no último curso, no que a matriculación feminina no total de plans de estudos de Grao foi do 49%.
As mulleres infravaloran as súas capacidades en tecnoloxía
Esta tendencia é común á maioría dos países e, en parte, pode deberse ao modelo estereotipado e pouco real da Informática que divulgan series e programas de televisión que distorsionan a verdadeira dimensión profesional. Pero tamén inflúe o feito de que as mozas infravaloran as súas capacidades en tecnoloxía e matemáticas, a pesar de obter de forma xeralizada mellores notas nestas materias que os mozos.
O CPETIG considera que a elección profesional debe realizarse en liberdade, por vocación, e sobre ideas precisas das distintas alternativas académicas, superando determinados clixés que pesan sobre a Informática. Aí é onde tanto os colexios profesionais, como as universidades e as empresas deben contribuir a transmitir a verdadeira dimensión da profesión, superando a opinión demasiado simplista e extendida de que se trata de profesionais que “arranxan” ordenadores.
A pesar do contexto xeralizado de perda de mulleres na titulación de Informática en Galicia, O CPETIG valora moi positivamente que a colexiación feminina na entidade manteña unha taxa de crecemento sostido, pasando do 19% en 2008 ao 21% actual.