A Fegamp, o Cpeig e o Cpetig, comparten as metas e compromisos comúns de que a sociedade da información (un dos obxectivos e desafíos deste milenio) se centre na persoa e na dignidade humana, sexa integradora e contribúa ao desenvolvemento sostible de todos, individuos, comunidades e pobos, para a mellora da súa calidade de vida, de acordo cos propósitos e principios da Carta das Nacións Unidas e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Nese senso, as tres institucións galegas reafirman tamén o respecto e defensa dos dereitos humanos e liberdades fundamentais, a democracia, a igualdade soberana de todos os estados, o bo goberno e o reforzo do imperio da Lei, tanto no plano nacional, como internacional.
O fundamento da sociedade da información non pode ser outro que a liberdade de expresión e de opinión, incluído o dereito a investigar, a non ser discriminado por causa de opinións, a recibir información e opinións, e o dereito a difundilas a través de calquera medio de expresión, sen limitación de fronteiras.
Recoñecen que a ciencia, a tecnoloxía, a educación, o coñecemento e a información-comunicación, xogan un papel clave no desenvolvemento da nosa sociedade por mor da interacción e do intercambio que xeran. Nese eido, o espectacular progreso nos últimos anos das tecnoloxías da información e as comunicacións (Tic), consideradas como un medio e non como un fin en si mesmas, contribuíron á eliminación de atrancos espazo-temporais que permitiron o seu uso potencial a millóns de persoas de todo o Mundo, ocasionando unha mellora en todos os ámbitos na que se quere seguir traballando: creación de emprego, produtividade, transparencia e axilidade das administracións públicas, optimización dos recursos públicos, diálogo entre persoas, nacións e civilizacións, redución da contaminación, igualdade das mulleres, condicións de vida dos maiores, integración dos discapacitados e outros colectivos vulnerables (desempregados, migrantes, desprazados, refuxiados, minorías), solidariedade, formación de masa crítica…
Conscientes da fenda dixital que existe en todo o planeta, pero tamén na sociedade galega, comprométense a traballar para intentar diminuíla e evitar a marxinación de determinados grupos de persoas ou zonas da nosa comunidade autónoma.
En data tan sinalada como é o 17 de maio, tamén Día das Letras Galegas, a Fegamp, o Cpeig e o Cpetig, consideran esencial potenciar o emprego da lingua galega nas novas ferramentas que vai creando esa sociedade da información (utilización dos dominios punto gal, uso do idioma nas redes sociais e páxinas web, creación de novos aparellos e instrumentos telemáticos no noso idioma…), como elementos decisivos para a conservación e desenvolvemento futuro do galego na sociedade.
Asinan: José Manuel Rey Varela (Presidente da Fegamp), Fernando Suárez Lorenzo (Presidente do Cpeig) e Marcos Mata Mansilla (Presidente do Cpetig)