A demanda de prazas para o curso de Scratch supera a oferta dispoñible

O curso está dirixido a profesores non universitarios, especialmente de Tecnoloxía e de Informática, para formalos no desenvolvemento de aplicacións informáticas coa ferramenta de Scratch, coa que despois se ensinará aos escolares os fundamentos da programación informática.

Pensamento creativo

Scratch é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.

Por iso, os obxectivos esenciais do curso son aprender a desenvolver aplicacións informáticas con Scratch; comprender a potencia do seu uso como ferramenta didáctica; coñecer metodoloxías e casos de éxito da ensinanza da programación con este software; e desenvolver estratexias de integración da programación con Scratch en distintas etapas e disciplinas educativas.

Formadores con 10 anos de experiencia

Esta iniciativa enmárcase nas actividades previstas no convenio de colaboración entre o CPETIG e a Amtega e conta coa participación dos profesores Jesús Moreno León e José Ignacio Huertas Fernández, que contan con máis de 10 anos de experiencia.

Jesús Moreno é enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en enxeñaría de sistemas telemáticos, con máis de 10 anos de experiencia docente como profesor de informática en secundaria e formación profesional. Actualmente traballa no Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e Formación do Profesorado.

José Ignacio Huertas Fernández é enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en enxeñaría de sistemas telemáticos. Conta con 10 anos de experiencia docente como profesor de informática en secundaria e formación profesional. Actualmente traballa no IES Polígono Sur de Sevilla.

O CPETIG, mediante estas actividades formativas, quere contribuír ao fomento e promoción de da sociedade da información e das tecnoloxías da información nos ámbitos da comunidade educativa, sobre todo, entre os máis novos.