A análise forense en medios dixitais, eixo central da nova actividade formativa organizada polo CPETIG en colaboración coa Amtega

A análise forense en medios dixitais tales como discos duros, dispositivos móbiles, rastrexo en Internet, etc. e a resposta ante incidentes é o obxecto da nova actividade formativa organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco dunha colaboración incluída nas accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030.

O obxectivo deste curso é dar a coñecer o marco xurídico sobre o que se sustenta a labor do perito, facilitar as claves para manexar as técnicas necesarias para adquirir e preservar evidencias dixitais, amosar os conceptos nos que se basea unha análise forense e dotar aos asistentes nos coñecementos necesarios para a análise das evidencias contidas en medios dixitais.

Tamén se afondará nos tipos de ciberincidentes, na súa clasificación e en como proceder ante un; en como redactar un informe pericial baseado na análise forense das evidencias dixitais ou como defender o informe pericial en sede xudicial; e abordaranse aspectos relativos á protección de datos persoais, comercio electrónico, firma electrónica, propiedade intelectual ou delitos tecnolóxicos.

Este curso é válido para o acceso ao Corpo Oficial de Peritos do CPETIG.

 

Destinatarios

A actividade formativa está orientada a peritos informáticos, responsables de seguridade TIC, persoal de oficinas de seguridade, auditores internos ou externos, consultores, avogados e tamén a calquera outro profesional interesado en adquirir coñecementos en materia de informática forense.

Cunha duración de 20 horas, o curso desenvolverase en catro sesións os días 24 e 25 de setembro e 1 e 2 de outubro en formato en liña desde o Gaiás Tech. O horario do curso é o seguinte:

Venres 24: de 16,30 a 21,00 horas

Sábado 25: de 09,00 a 14,30 horas

Venres 1: de 16,00 a 21,00 horas

Sábado 2: de 09,00 a 14,00 horas

 

Formadores expertos

Víctor Salgado Seguín, socio-manager en Pintos & Salgado Abogados e profesor de Dereito TIC na HUB Escuela de Negocios Digitales; e Lorenzo Martínez Rodríguez, CTO en Securízame, serán os encargados de impartir esta actividade formativa.

Víctor Salgado é socio director de Pintos & Salgado Abogados, firma referente en Galicia no eido do Dereito TIC, premiada en 2015 como “Boutique Data Protection Law Firm of the Year in Spain” por Corporate ITNL. Licenciado en Dereito, Diplomado Superior en Xestión Empresarial pola Universidade CEU San Pablo de Madrid e con Máster en Estudos da Unión Europea da Universidade da Coruña e en Regulamento Xeral de Protección de Datos pola UNED, está especializado desde 1997 en Dereito Informático e Comunitario

Ten publicado diversos artigos en publicacións especializadas sobre aspectos xurídicos do comercio electrónico, protección de datos, dereitos de autor en Internet, criminalidade informática ou regulación das DNS, entre outros.

Pola súa parte, Lorenzo Martínez, titulado en Enxeñaría Superior en Informática pola Universidade de Deusto,  perito informático con ampla experiencia, posúe unha extensa formación especializada e traxectoria profesional no eido da seguridade informática e actualmente traballa como xefe da oficina técnica de Securízame, compañía especializada en proxectos de ciberseguridade que asesora, forma, audita e integra solucións de terceiros e propias para mellorar a seguridade dos sistemas, redes e comunicacións das empresas e Administracións Públicas.

 

Inscrición

O prazo de inscrición no curso xa está aberto a través do seguinte enlace

 

O GaiásTech

 O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global.

O GaiásTech constitúe un espazo de innovación aberto para quen teña a capacidade de transformar a nosa comunidade. Dende o centro coordínase unha rede de nodos de especialización tecnolóxica.

As actividades desenvolvidas polo CPETIG enmárcanse no Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN, para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.