O vindeiro 23 de xuño terá lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega de premios da III edición do concurso escolar Aprendo Programando, que organiza o CPETIG coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora.
A esta edición concurriron un total de 72 equipos – 57 de ESO e 15 de Primaria- que presentaron os seus traballos programados con Scratch baixo a temática Patrimonio cultural europeo, proposta polo CPETIG para a convocatoria deste ano. Esta alta participación supón un récord sobre as edicións anteriores, chegando case a duplicar o número de equipos inscritos o ano pasado.
Aprendo Programando ten como finalidade achegar ao alumnado de Primaria e ESO a programación, contribuíndo así a integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías xa desde a infancia. Deste xeito, a iniciativa representa para o alumnado de ensino primario e secundario a oportunidade de adquirir habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación a través do Scratch, e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Esta ferramenta didáctica abre numerosas posibilidades creativas, como desenvolvemento de xogos, historias interactivas, animacións ou programación de robots.
Os premios: un robot educativo, tablets e libros
A entrega de premios será o sábado 23 de xuño ás 12.00 horas en Santiago de Compostela, nun acto que contará coa asistencia do presidente do CPETIG, Marcos Mata; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o director de Alvarellos Editora, Henrique Alvarellos, como entidades colaboradoras.
Os equipos participantes optan a premios como un mBot, robot educativo; tablets; exemplares do libro titulado 50 anos de Baloncesto en Galicia, editado pola Federación Galega de Baloncesto; e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.